Manifesto da Marea Cidadá polo 8M

8M

MANIFESTO DA MAREA CIDADÁ DE NOIA POLO 8 DE MARZO
 

Un ano máis, o feminismo galego unimos a nosa forza para deixar moi claro que somos unha voz importante. Todas xuntas somos un berro que non poden, aínda que queiran, desoír. Unidas desde a nosa diversidade amosamos a nosa capacidade para espallar a loita feminista e de xuntar forzas para dar visibilidade á ampla rede de mulleres galegas que traballan arreo e de forma continuada na defensa dos nosos dereitos nos distintos eidos da sociedade.

Tras dous anos de folga laboral, estudantil, de consumo e de coidados na que a nosa forza estourou e atravesou a sociedade galega e do planeta enteiro, chegamos ao 2020 coa necesidade de pór o foco de atención no invisible. O que na maioría das casas revolucionou, creou conflito e incluso, en moitos casos, impediu facer folga.

Falamos dos coidados porque sen coidados non hai vida.

Cando falamos de coidados falamos de colocar a vida no centro de todo. Falamos da relevancia que a vida ten, e de darlle valor a quen colabora para que sexa posible. Falamos do valor social, mais tamén do valor económico que ten sostela. Falamos da certeza de que as persoas non somos independentes, precisamos dos coidados alleos durante toda a nosa vida, para satisfacer as nosas necesidades afectivas, para alimentarnos, para mantermos a saúde, para vestirnos, para vivirmos en contornos limpos, na procura do noso benestar e da nosa felicidade… E dependemos do medio da mesma maneira que dependemos das persoas: temos necesidade de auga potable, de alimento, de osíxeno, de enerxía…

O patriarcado é un instrumento fundamental para o sistema capitalista. Asignándonos ás mulleres as tarefas de coidado e xerando un mundo público masculino desvinculado dos tempos biolóxicos e ecolóxicos, onde os horarios laborais non importan porque estamos nós na casa para ocupármonos dos coidados da terra e da familia.

Queremos xornadas laborais con horarios racionalizados. É unha quimera a conciliación familiar con xornadas de 40 ou máis horas semanais.

É ridículo termos un dos permisos por maternidade mais curtos da Europa. As mulleres levamos décadas reclamando máis tempo para nos recuperar do parto e poder criar, se é que así o queremos facer. Queremos aumentar os permisos de nacemento, acollemento e coidado, porque ademais é un dereito das crianzas.

É necesario entender toda a teoría dos coidados desde unha visión de corresponsabilidade. É preciso que os homes comecen a ocupar esta esfera. Aínda resulta estraño ver homes que pasen noites para coidar familiares en hospitais, que cambien cueiros a persoas maiores, que se ocupen e preocupen por coidados cotiáns nos fogares. Non existe a neutralidade, se non coidas, descoidas.

Hoxe os coidados son, alén dun labor estigmatizado e oculto, para moitas mulleres unha carga que nos vemos obrigadas a realizar baixo a presión dunha economía destrutiva; para outras son unha escolla irrealizábel por esa mesma economía que non reserva tempos para os coidados…e para outras un emprego precarizado, inestable e desprestixiado. Neste último caso é indispensable que os coidados pasen a un primeiro plano, profesionalizando e optimizando este tipo de traballos, dotando a todas as traballadoras do fogar e de coidados dos dereitos laborais e de protección social que nos corresponden, garantindo o acceso a prestacións por desemprego e xubilación, obtendo salarios acordes ao valor do traballo.

Sen coidados non hai vida. E máis, sen coidados hai violencia Non imos consentir máis violencia contra os nosos corpos. Corpos diversos cos que queremos gozar da vida, da nosa sexualidade. Non imos permitir as discriminacións ás que as mulleres lésbicas, bisexuais e transxénero seguimos sometidas pola nosa orientación sexual e identidade. A falta de información na atención xinecolóxica cara as nosas realidades. A carencia e mesmo censura no ámbito da educación afectiva e sexual. Non apoiaremos nunca feminismos que exclúan a ningunha muller por como está formado o noso corpo. Non aceptaremos discursos transfóbicos.