Acordo final da Marea Cidadá de Noia

Na asemblea celebrada na tarde de hoxe, a Marea Cidadá de Noia decidiu apoiar a investidura de Miguel Paz como alcalde de Noia, logo de que o Partido Socialista aceptase  o seguinte texto:

O texto foi aprobado con 90% dos votos a favor e o 10% de abstencións. 

ACORDO ENTRE A MAREA CIDADÁ DE NOIA E O PSdeG-PSOE DE NOIA PARA A INVESTIDURA DE MIGUEL PAZ COMO ALCALDE QUE SE SOMETERÁ Á VOTACIÓN EN ASEMBLEA

Despois das reunións mantidas os días 6 e 11 de xuño de 2015, ambas formacións chegan ós seguintes puntos de acordo para a investidura do candidato Miguel Paz como alcalde de Noia:

1.      O 20% do gasto en investimento anual será destinado á ría, tanto para o marisqueo como para a recuperación do mar de Noia e do seu porto. Crearase a Comisión do Mar como un espazo de interlocución co conxunto das organizacións políticas con representación municipal e coas entidades sociais.

2.      Creación dun departamento de turismo para o dinamismo deste sector durante o primeiro ano de mandato. Impulsarase ao sector turístico, con inversión pública e con colaboración coa iniciativa privada para posicionar Noia nos itinerarios turísticos. Entre outras medidas, crearase no primeiro ano de goberno e dentro do departamento de Turismo unha Oficina de Turismo, aberta durante os 365 días do ano e que contará con persoal especializado.

3.      Publicación, antes dun ano, das contas municipais a través da páxina web priorizando un portal de transparencia no que xa incluirán as contas do último curso político.

4.      Todas as contratacións municipais serán publicitadas, incluíndo aquelas que polo seu importe se consideran obras menores. Será accesible a información do respectivo expediente de contratación no portal de transparencia do Concello.

Creación dun órgano de control, coa participación de tódalas forzas políticas, de todas as obras públicas, independentemente de cal sexa a administración contratante ou concellería á que a obra pertenza. Por medio do mesmo mecanismo facilitarase, dende a  revisión e coñecemento dos proxectos, ata as modificacións do mesmo; o control da execución de obra, etc.

Procederase á realización da Mesa de Contratación correspondente, cando no órgano de control exista unha solicitude para que un proxecto de obra non sexa adxudicado de xeito directo senón como se fose unha obra maior.

Establécese un claro compromiso para evitar o fraccionamento nas obras municipais, realizándose os procedementos de contratación a través das correspondentes Mesas de Contratación. 

Como mínimo, cada tres meses publicaránse os convenios, as subvencións e as contratacións no portal de transparencia municipal.

5.      Limitar o  gasto  a 54.343,4€ anuais en 2 adicacións exclusivas. Desaparecerán totalmente as asesorías e os cargos a dedo.

6.      Noia, vila libre maltrato animal e de agresións ao medioambiente. Nin animais abandonados nin cartos publicos para as touradas.

7.      Acordar cos axentes sociais, económicos, culturais e deportivos un programa anual de eventos que aporte beneficios non só económicos, senón tamén de coñecemento e que contemplará a celebración de festexos, feiras, actos lúdicos, culturais e deportivos. Dentro dese programa anual de eventos contemplarase a celebración da Feira das Culturas, na que poderá integrarse a Feira de Abril.

Abrir á cidadanía, incluindo ao comercio e á hostelería, na elección dos días de Festas Locais a través do portal web municipal.

8.      Revisión de todos aqueles procesos de emprego público do concello que non se levasen a cabo acolléndose aos principios de mérito, capacidade e igualdade e traballar nese sentido no futuro.

Despois do falado o pasado día 6 propoñemos engadir o seguinte texto xa que reforzaría o fondo do asunto: Solicitando un informe dos servizos de Secretaría e Intervención Municipal.

9.      Creación das medidas públicas a prol do fomento da conciliación.

10.  Garantir que calquera persoa teña cubertas todas as necesidades básicas (vivenda, luz, auga, comida...)

 

PUNTOS ACORDADOS A MAIORES A PROPOSTA DE AMBAS FORMACIÓNS

·   Tomar como elemento fundamental de referencia á hora de traballar coas entidades bancarias por parte do Concello de Noia o feito de que colaboren a fin de impedir o desfiuzamento de persoas en situación de extrema necesidade por impago de créditos.

·   Políticas de Transparencia e calidade democrática:

1)           Retransmisión en directo dos plenos municipais a través das ferramentas tecnolóxicas que o posibiliten.

2)           Reunións da Xunta de Portavoces para facilitar o achegamento a tódolos grupos políticos presentes na corporación dos asuntos cotiás de xestión e funcionamento municipal.

3)           Convocatoria, cunha periodicidade mínima mensual, de tódalas comisións que se creen para o seguimento ordinario do traballo das diferentes áreas municipais

4)           Poñer a disposición de tódolos cidadáns as actas das sesións plenarias en soporte dixital, a través do portal de transparencia municipal.

5)           Retransmisión en directo da apertura de plicas en calquera proceso de concurso público.

·   Manter a colaboración coas ANPAS dos centros educativos, colaborando na realización de actividades e programas complementarios para as nenas e nenos que estudan neles.

·   Firme apoio aos clubes e asociacións deportivas de Noia para o fomento do deporte de base e compromiso de seguir mellorando as instalacións e o servizo público de piscina municipal.

·   Posta en funcionamento do Plan Xeral de Ordenación Urbana e axilización dos trámites de licencias municipais de obra.

·   Compromiso para poner en marcha en menos de seis meses un Programa Municipal de limpeza das parroquias e núcleos rurais de Noia.

·   Seguiremos impulsando a Mostra de Curtametraxes de Noia co obxectivo de convertilo nun evento de referencia a nivel estatal e internacional.